Noticias
-
Galicia pechou o mes de abril cun dato histórico na cifra de persoas en situación de desemprego. Rexistrou 126.334 persoas en paro, o menor dato de toda a serie histórica (1996), é dicir, desde hai 28 anos. Galicia sitúase como a primeira comunidade autónoma na que máis baixou o paro en termos relativos con respecto a hai un ano e a terceira en absolutos. A caída nun -9,34 % supera en máis do dobre ao descenso rexistrado no Estado (-4,37 %). O paro caeu tamén na evolución mensual (-2,08 %), e, ademais, o descenso reflectido tanto na comparativa anual como mensual tivo lugar nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades e en todos os sectores de actividade.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que o Goberno galego xa adxudicou 985M€ de fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR) desde a posta en marcha do plan de recuperación. Así, o Executivo autonómico autorizou a publicación de convocatorias por importe de 1.097M€ e adxudicou o 90%, o que supón 'un grado de execución moi razoable', tal e como sinalou o titular da Administración. Segundo o informe analizado hoxe na reunión do Consello, na actualidade, a suma dos recursos do MRR asignados polo Goberno central á Administración galega ascenden a 1.545 M€, o 5,8 % do distribuído entre as comunidades autónomas, o que supón menos recursos dos que corresponderían á comunidade por PIB per cápita.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o Consello aprobou hoxe a Estratexia galega de Mobilidade, a folla de ruta a seguir ata 2050 para 'garantir uns desprazamentos máis sostibles, seguros e funcionais' que estará dotada de 420 millóns de euros para implantar 'un centenar de medidas'. A estratexia contén un plan de acción que implica as diferentes administracións públicas, a autonómica, a estatal e a local, para facilitar os desprazamentos das persoas e mercadorías, apoiar a competitividade do territorio e transformar os patróns de mobilidade. Preséntase como un instrumento para deseñar solucións que permitan transformar o actual modelo nun máis funcional, sustentable e seguro.
-
Por que o universo dos activos dixitais semella un mundo masculino? Por que a maioría de ‘influencers’ do mundo cripto que saen á palestra son homes? Está equilibrada a proporción entre homes e mulleres nos consellos de administración das empresas? Estas son algunhas das preguntas ás que se deu resposta este luns na VI Xornada de igualdade de xénero e Dereito Mercantil, actividade dirixida desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo polas docentes Sara Louredo e Ana Mª Aido e para a que, nesta ocasión, se contou coa participación de dúas profesoras expertas en Dereito Mercantil: Vanessa Jiménez, da Universidad de Salamanca, e Josefina Boquera, da Universidad de Valencia.
-
O número de persoas sen emprego volveu caer en Galicia por debaixo das 130.000 ao peche do pasado marzo segundo os datos de paro rexistrado coñecidos hoxe. A comunidade pechou marzo con 129.011 galegas e galegos desempregados. A baixada do paro en Galicia en marzo, tanto respecto de febreiro deste ano (-1,20%), como fronte a marzo de 2023 (-9,05%). Galicia foi, de feito, a 4ª comunidade con maior descenso anual en porcentaxe e persoas (-12.836 parados). Ademais, a cifra de menores de 30 anos e de mulleres en desemprego é a máis baixa nun marzo desde que hai rexistros. Na evolución anual, o paro rexistrado en marzo mantivo a tendencia á baixa en todos os sectores. Liderou o descenso a industria (-11,99%) seguida da construción (-11,09%).
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este luns en Santiago de Compostela o seu Informe de conxuntura socioeconómica 1/2024. O documento foi elaborado polos economistas Patricio Sánchez e Santiago Lago, ambos da Universidade de Vigo; e José Francisco Armesto e Fernando González Laxe, coordinador este último do traballo. Nel destacan que 'en liña co conxunto dos países da nosa contorna, a ralentización do ritmo de crecemento caracteriza a evolución da economía galega. Porén, acredita taxas de variación interanuais superiores ás dos principais socios comerciais galegos, agás Portugal'.
-
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a prórroga de Presupostos Xerais do Estado (PXE) vai facer que Galicia 'reciba de novo o peor orzamento do Estado dos últimos anos'. Unha situación que fai que a comunidade galega seguirá recibindo a metade do investimento territorializado que Cataluña. Rueda lamentou que o Goberno central 'renuncie' a intentar sacar adiante os orzamentos de 2024, logo da convocatoria de eleccións en Cataluña, e advirte que isto 'ten consecuencias e ningunha beneficiosa para as comunidades'. Ademais, asegurou que amosa as diferencia entre o Goberno autonómico galego que aposta por 'ter os orzamentos aprobados para logo convocar eleccións' e o estatal, onde apostan pola 'ausencia de presupostos'.
-
Comeza o procedemento de elaboración e aprobación do plan director, no que, como primeiro fito, se levará a cabo unha consulta pública a través do portal de transparencia e goberno aberto para solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas. Ademais, na elaboración do plan participarán as consellerías con competencias nesta materia, así como o sector privado, representantes dos traballadores e resto de axentes implicados, como é o caso do Clúster TIC Galicia.
-
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, valorou hoxe os datos de paro rexistrado e de afiliacións á Seguridade Social en Ourense, onde indicou que a cifra de desemprego acadada en Galicia en febreiro -130.583- é a máis baixa neste mes desde que hai serie histórica (1996), é dicir, desde hai 28 anos. O paro caeu na evolución anual (-9,38%) e na mensual (-0,40%), superando nas dúas variables os descensos acadados na media do Estado, ao tempo que creceron as afiliacións nas comparativas anual e mensual. Con respecto a febreiro de 2023, Galicia é a 4ª comunidade autónoma na que máis baixou o paro, en termos absolutos e relativos.
-
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, advertiu hoxe dun 'balance preocupante' no estado de execución das infraestruturas e servizos ferroviarios comprometidos en Galicia polo Goberno central e que, segundo admitiu, está a ser unha das 'inquedanzas fundamentais' do Executivo autonómico. Rueda informou de que esta é a principal conclusión dun informe da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, avaliado hoxe no consello da Xunta, sobre a situación dos servizos e das infraestruturas ferroviarias na comunidade, abordando as principais necesidades das liñas e dos servizos de tren en Galicia.